Sunday 28 de April de 2024

O Obradoiro de Emprego Praia das Lapas contribúe a recuperar espacios públicos e xardíns na contorna da Torre de Hércules


O delegado territorial da Xunta na Coruña visitou aos 20 alumnos-traballadores que reciben formación ao tempo que melloran un dos espazos senlleiros da Coruña

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o obradoiro de emprego Praia das Lapas, no que vinte alumnos-traballadores reciben formación teórica e práctica ao tempo que melloran a contorna da Torre de Hércules. A iniciativa conta cun investimento de preto de 180.000 euros e completará a súa misión de seis meses de traballo a finais deste mes de marzo.

O obradoiro, que comezou o pasado 29 de setembro, ten como misión fundamental a instalación, mantemento e mellora de xardíns e zonas verdes no espazo municipal do entorno da praia das Lapas. Os alumnos están a cargo dun equipo de profesionais formado pola directora, catro mestres e unha auxiliar administrativa. Enmárcase no compromiso do Goberno galego por facilitar a incorporación ao mercado laboral, con especial atención á mocidade.

Ovidio Rodeiro lembrou que a semana pasada o DOG publicou as bases reguladoras das axudas para os obradoiros de emprego para este ano. Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos por entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente a esta. O prazo de presentación de solicitudes, xa aberto, é dun mes.

Os obradoiros de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas maiores de de dezaoito anos, mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social. Buscan que os alumnos participantes realicen un traballo efectivo que, xunto coa formación correspondente, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

O importe total da convocatoria achégase aos 16,5 millóns de euros. Nos vindeiros días está prevista a publicación da Orde dos obradoiros de garantía xuvenil, cunha dotación de catro millóns. En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria consigna 20,5 millóns de euros a este capítulo nos vindeiros dous anos.

Rodeiro destacou estes programas porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de dificultades para acceder ao mundo laboral”. Con estes obradoiros a Xunta da resposta ao seu compromiso de impulsar mecanismos para loitar contra o desemprego coa formación como ferramenta fundamental. Ao remate do obradoiro, previsto para o 28 deste mes, tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos-traballadores seranlles acreditadas cun certificado de profesionalidade, plenamente vixente e oficial.

O delegado territorial lembrou que na convocatoria de 2016 na provincia se puxeron en marcha 24 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 beneficiarios e cun investimento de máis de 5,3 millóns de euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, foron 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas. Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, coa que se prevé crear 80.000 postos de traballo ata 2020.